Galicia Confidencial :: Economía oculta o pago dun millón aos xornais en convenios
vía Galicia Confidencial :: Economía oculta o pago dun millón aos xornais en convenios.
A de Lei de transparencia e boas prácticas da Xunta obriga ás consellerías e entes públicos a publicar todos os seus convenios no Diario Oficial de Galicia e nas súas páxinas web.
O que marca a Lei
Sobre o DOG, a norma vixente especifica que “cada consellería ou entidade remitirá ao Diario Oficial de Galicia, dentro dos primeiro vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro unha relación dos convenios de colaboración”.
“Para os efectos da súa difusión na internet, a consellaría ou entidade fará pública, na súa respectiva páxina web e dentro dos primeiros vinte días dos meses de xaneiro, maio e setembro de cada ano, unha relación dos convenios subscritos referida ao cuadrimestre anterior”, segue a Lei.
Consellería de Economía de Industria non cumpre totalmente estes dous preceptos. Con todo, Galicia Confidencial tivo acceso a todos os convenios asinados polo departamento de Xavier Guerra cos medios de comunicación.
O reparto é o seguinte:
1. Grupo Voz (La Voz de Galicia e Radio Voz): 241.000 euros en 2 convenios, o 24% do total.
2. Grupo El Progreso (El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra): 200.000 euros en 2 convenios, o 20% do total..
3. Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión da Coruña): 179.000 euros en 2 convenios, o 18%
4. Editorial Compostela (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, Radio Obradoiro, Correo Televisión): 144.000 euros en cinco convenios, o 14% do total.
5. La Región: 140.000 euros , o 14% do total.
6. ABC: 27.500 euros, o 2%.
7. Onda Cero: 20.880, o 2%.
8. Cadena Cope: 19.773, o 1%
9. Cadena Ser: 16.100, o 2%.
10. SI Galicia Radio: 10.000, menos do 1% do total.
A suma total é de 1.010.253, o que convirte a Economía na Consellería que dá máis cartos a dedo aos medios de comunicación durante o primeiro ano da era Feijóo.
Guerra publica os convenios de Fernando Blanco pero oculta os seus
A pesar disto, a web de Economía só recolle os acordos asinados polo bipartito, como xa denunciara en rolda de prensa o deputado do PSdeG José Manuel Lage.
A consellería tamén incumpre dobremente a Lei de Transparencia ao remitir ao DOG un listado incompleto de convenios. En primeiro lugar, métense todos os contratos nun único “totum revolutum” chamado “Convenios de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e diversos medios de comunicación”.
En segundo lugar, non se dá conta ao público da cantidade pagada en cada convenio. Iso malia que a Lei establece que: “Cando os devanditos convenios impliquen obrigas económicas para a Facenda autonómica, sinalaranse con claridade o importe destas, o obxecto do convenio e a persoa ou entidade destinataria da prestación”, tal e como apuntou o blog Feijoomente e cumpren o resto de departamentos salvo Augas de Galicia.
Un millón en 15 días para informar da ciencia
Todos os convenios asináronse a final de ano, a mesma xornada, o 16 de decembro de 2009. Isto provocou que só se estiveran vixentes durante 15 días.
Cal é o motivo para que Economía destinase 1 millón de euros en axudas directas a certas empresas? . En todos os acordos o “obxectivo” é o mesmo: “Facer da sociedade galega unha sociedade ben informada no ámbito da ciencia e a tecnoloxía”.
Ningún dos acordos chega aos 150.000 euros, barreira que obrigaría a Economía a aprobalos no Consello da Xunta, o que implicaría o seu inmediato coñecemento pola opinión pública.
Control dos medios
Galicia Confidencial publicou onte que a Xunta de Feijóo xa repartiu 2,4 millóns en convenios entre certos medios.
Os convenios dependen do criterio de cada conselleiro. Non hai concurso, nin criterios obxectivos publicados para o seu reparto. Tal grao discrecionalidade ten desatado as críticas tanto do Consello de Contas como do Colexio de Xornalistas e do Sindicato de Xornalistas de Galicia, e do mesmo PPdeG cando estaba na oposición.
Axuda aos donos de La Región en pleno ERE
Daquela todos coincidían en que era un xeito do poder de comprar aos empresarios medios de comunicación. Na pasada lexislatura, o Parlamento reclamou ao Goberno por unanimidade que condicionase as axudas aos medios ao mantemento do emprego estable, algo que non cumpriu o bipartito.
A realidade mostra que o PP tampouco está a cumprir o que apoiou a Cámara. Por exemplo, os convenios a La Región foron asinados en plena execución dun ERE que levou á rúa a máis de 20 traballadores.














![nini1[1]](http://www.orfeu.es/wp-content/uploads/nini11-1024x414.jpg)
